E certo que no prólogo
que iniciei como arrancadeira do meu "blog" deixei abertas unha serie
de preguntas que dixen ia ir desenvolvendo co tempo......no sei se serei
quen..... pero hoxe xúrdeme outra non tan profunda, aínda que algo ten que ver
coa profundidade.
¿Está curada a
ferida do Prestige?
Estes días estase
a cumprir o décimo aniversario da visita, parada e fonda a pensión completa de
un dinosauro do mar pola nosa Costa da Morte. Ben e certo que moitos dos
visitantes que veñen a nosa Costa téntalles moito quedarse para sempre e este
vaia se o fixo, por suposto, non sen antes amosarnos toda a merda que levaba no
seu aparato dixestivo.
Imaxino que non
serei o único que se fai esta pregunta... ¿Curada ou non..?
![]() |
| A Pedra da Ferida |
Din que si, que a
ferida de fai dez anos está curada por mor da impresionante capacidade do mar
de corrixir as desfeitas do “homo sapiens”, pero non podemos esquecer que en
moita parte foi tamén por mor dos
atentos coidados de miles de enfermeiros sen nómina que, como enfermeiros que
eran, ían vestidos de branco cando empezaban a xornada e retornaban ao catre
pola noite coas petadas do sangue negro da ferida. Entre estes enfermeiros non
estiven eu.... nin fun limpar a ferida....nin fun ver como a curaban, ...no
quixen velo, preferín recordar ao enfermo tal e como o coñecía antes e ir a
visitalo cando a súa recuperación xa era un feito. Mal que me pese foi a miña decisión
e da que non me arrepinto.
Non son quen de
contradicir aos entendidos na materia, mellor para todos que esa ferida xa estea
pechada e curada pero aínda queda outra ferida, i esta, polo menos para min,
non está curada nin o estará ate que nos amosen o correspondente certificado
médico. Na última semana sae en tódolos medios a macroxuntanza ou congreso de
especialistas médicos que se está a facer en Expocoruña para determinar cal dos
catro xermes nocivos para a saúde do dinosauro foi o responsable da infección
da ferida ou se foi unha sinerxia de todos eles. Teñen alí expostos a tres dos
xermes implicados, o cuarto non foron quen de illalo e expoñelo nun tubo de
ensaio coma os outros tres.
Supoño que diste
congreso de especialistas sairá o certificado médico que nos amosarán dez anos
despois todos satisfeitos do seu deber cumprido. Pero a min ese certificado non
me vai valer e non darei por pechada a ferida ate que saian nel o resto de
xermes ou axentes patóxenos que se foron de rosiñas a infectar outros corpos
que xa comezan a amosar síntomas de enfermidade.
Non.... non está
curada; nin esta ferida nin moitas outras que xa están infectadas, e imos ser
nos quen teñamos que buscar o remedio, igual me da un antibiótico que un
tratamento homeopático, pero hai que atopar a cura contra todos estes xermes
nocivos que teñen a gran habilidade de facer unha desfeita e despois camuflarse
de xeito que é case que imposible a aplicación de un tratamento efectivo que os
fulmine de unha vez e para sempre.
Unha das
primeiras pegatinas de loito da Plataforma Nunca Mais foi posta por min no
cristal de atrás do meu Land Rover, aínda está aí posta dez anos despois, e
seguirá; é o meu desexo, que nunca mais volva a pasar o que pasou; pero
eso,...... e o meu desexo que sei que é compartido por todos, incluso penso que
é compartido polos xermes que se libraron do tubo de ensaio desta volta, pero
moito me temo que volverá a pasar..... e ogallá que os meus temores non se
cheguen a cumprir; os xermes patóxenos, a maior parte das veces, déixanse levar
pola súa voracidade e antepóñena a calquera outro tipo de prioridade, así é a
súa natureza.
¡¡Nunca Mais, por favor!!


