viernes, 7 de febrero de 2014

A XUSTIZA FACENDO E A XUNTA DESFACENDO

UNHA REFLEXIÓN PARTICULAR 

A Xunta de Galicia ven de publicar a “LEI9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia na que establece a disposición derradeira primeira que modifica o “Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo” . Esta disposición derradeira primeira, na redacción do seu punto sétimo, aféctanos aos Enxeñeiros Técnicos Agrícolas como tramitadores que somos de expedientes de liquidación de impostos cedidos polo Estado a Comunidade Autónoma (sucesións, doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados).
O texto transcrito di:
Sete. O artigo 27.Tres terá a seguinte redacción:
«Tres. Prezos medios de mercado
1. Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as táboas das compoñentes ou valores básicos (solo, construción e gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores. Estes últimos teñen como finalidade adaptar os prezos medios á realidade física do ben que se vai valorar e recollen a variabilidade do valor en función das características particulares do ben. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.
As táboas actualizaranse periodicamente conforme as variacións do mercado inmobiliario, e poderán adoptarse, para este caso, os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.
O proceso de singularización pódeo facer de oficio a Administración cando teña constancia da existencia da singularidade ou por requirimento do administrado mediante a indicación da presenza desta. En calquera caso, o órgano liquidador poderá aplicar o correspondente coeficiente que recolla o feito singular posto de manifesto sen necesidade dunha peritaxe, sempre que o valor do coeficiente estea parametrizado segundo esta normativa.
Será suficiente a motivación da comprobación de valor que inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no punto primeiro.
2. As comprobacións de valor dos inmobles a través de prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, de acordo co establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.»
O texto subliñado é a modificación esencial que se fai dá disposición “Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo” e de xeito claro e unha Lei que vai en contra dás derradeiras sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Existen aló menos tres Sentenzas do TSXG polas cales non é admisible como medio de comprobación nin como motivación dabondo de valores a sinxela aplicación da Orde de Prezos Medios de 28 de xullo de 2011 da Consellería de Facenda sen que exista concreción cas características singulares de cada un dos predios obxecto de valoración que non ha ser abstracta, en función de módulos e parámetros xerais, e obrigatoriamente confeccionada por un técnico competente, ponderando as características concretas de cada un dos bens a valorar e aplicando os coeficientes correctores que singularizan tales características con criterios técnicos e non con métodos mecánicos e automatizados que desvirtúan o procedemento de comprobación de valores e crean unha total indefensión do suxeito pasivo, obrigándoo como último recurso a acudir á Taxación Pericial Contraditoria. (Véxase Sentenzas T.S.X. GALICIA CON/AD SEC.4 A Coruña: 00216/2013, 00251/2013 y 343/2013).
Pois ben, atopámonos perante unha disposición lexislativa pola que as características concretas dos bens van poder ser establecidas polo ORGANO LIQUIDADOR E SEN A NECESIDADE DE UNHA PERITAXE. Está ben clara a pretensión da Xunta, que é nin mais nin menos que dotar de facultades por Lei a quen non a ten, - calquera funcionario da Conselleria de Facenda ou Oficinas Liquidadoras, sen titulación axeitada e sen coñecementos en materia valoradora -, os que poderán ponderar as características propias dos bens a valorar aplicando os módulos unitarios e coeficientes establecidos na Orde de Prezos. Un autentico despropósito que se une ao que en por si xa é a Orde de Prezos, que por moito que se diga dende a Xunta de Galicia e da Consellería de Facenda, e unha base de datos xurdida dos despachos, creada única e exclusivamente con afáns recaudatorios, sen base técnica algunha e sen os preceptivos estudos de mercado que sen dúbida ían batela por terra.
Pódese logo dicir, que coma sempre, a administración autonómica vai sempre polo camiño mais longo. Cando por activa e por pasiva a administración de xustiza, a instancia dos suxeitos pasivos, está a dicir que a Orde de Prezos non é admisible como medio de comprobación, tal e como se aplica na actualidade pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), a Xunta empéñase, unha e outra vez, e xa van varias, en intentar facela admisible “contra legem” meténdonola, dobrada e á calada, formando parte das disposicións finais de unha Lei de Emprendemento que non ten relación algunha coa Orde de Prezos Medios nin coa finalidade dista.
E, digo eu.....
¿Non sería mellor e mais axeitado refacer a Orde de Prezos con un bo estudo de mercado dos prezos da terra?
Hai que facer constar, no que atinxe aos prezos da terra, que a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia publica anualmente estes prezos na súa WEB, prezos obtidos de estudos de mercado, prezos que si amosan, en xeral, a realidade do mercado e que nada teñen que ver cos publicados na Orde de Prezos Medios da Consellería da Facenda, pertencente á mesma administración autonómica.
Non cabe dúbida de que os técnicos do noso colectivo asesoramos aos nosos clientes no senso de opoñerse a toda  comprobación de prezos nas liquidacións de impostos de sucesións, donacións e transmisións patrimoniais que veña baseada en módulos que non sexan acordes ao mercado por excesivos, como ven sendo o caso dende a publicación da Orde de Prezos Medios. Penso que non erro se digo que no caso de que a tan traída e levada Orde fora coherente co mercado e axeitada a realidade non habería tanta saturación nas Oficinas Liquidadoras, nin na ATRIGA, nin no TEAR, nin no TSXG.
¿Será tan complexo?
  
                Asdo.: Enrique Fernández López
Enxeñeiro Técnico Agrícola
Colexiado 604 COETA-AC