UNHA
REFLEXIÓN PARTICULAR
A Xunta de Galicia ven de publicar a “LEI9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia” na que establece a disposición derradeira primeira que modifica o
“Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en
materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo Decreto Lexislativo
1/2011, do 28 de xullo” . Esta disposición derradeira primeira, na
redacción do seu punto sétimo, aféctanos aos Enxeñeiros Técnicos
Agrícolas como tramitadores que somos de expedientes de liquidación de impostos cedidos polo Estado a
Comunidade Autónoma (sucesións, doazóns, transmisións patrimoniais e actos
xurídicos documentados).
O texto transcrito di:
Sete. O artigo 27.Tres terá a seguinte redacción:
«Tres. Prezos medios de mercado
1. Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio
establecido no artigo 57.1º.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a
Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no
cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as
táboas das compoñentes ou valores básicos (solo, construción e
gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores. Estes últimos
teñen como finalidade adaptar os prezos medios á realidade física do ben que se
vai valorar e recollen a variabilidade do valor en función das características
particulares do ben. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da
consellaría competente en materia de facenda.
As táboas actualizaranse periodicamente conforme as
variacións do mercado inmobiliario, e poderán adoptarse, para este caso, os
índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas
administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística
inmobiliaria.
O proceso de singularización pódeo facer de
oficio a Administración cando teña constancia da existencia da singularidade ou
por requirimento do administrado mediante a indicación da presenza desta. En
calquera caso, o órgano liquidador poderá aplicar o correspondente coeficiente
que recolla o feito singular posto de manifesto sen necesidade dunha peritaxe, sempre que o valor do coeficiente
estea parametrizado segundo esta normativa.
Será suficiente a motivación da comprobación de valor que
inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que
corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes
singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no punto primeiro.
2. As comprobacións de valor dos inmobles a través de
prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de
técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, de acordo co
establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.»
O texto subliñado é a modificación esencial
que se fai dá disposición “Texto refundido das disposicións legais da Comunidade
Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo
Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo” e de
xeito claro e unha Lei que vai en contra dás derradeiras sentenzas do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia. Existen aló menos tres Sentenzas do
TSXG polas cales non é admisible como
medio de comprobación nin como motivación dabondo de valores a sinxela
aplicación da Orde de Prezos Medios de 28 de xullo de 2011 da Consellería
de Facenda sen que exista concreción cas características singulares de
cada un dos predios obxecto de valoración que non ha ser abstracta, en función
de módulos e parámetros xerais, e obrigatoriamente confeccionada por un técnico
competente, ponderando as características concretas de cada un dos bens a
valorar e aplicando os coeficientes correctores que singularizan tales
características con criterios técnicos e non con métodos mecánicos e
automatizados que desvirtúan o procedemento de comprobación de valores e crean
unha total indefensión do suxeito pasivo, obrigándoo como último recurso a
acudir á Taxación Pericial Contraditoria. (Véxase
Sentenzas T.S.X. GALICIA CON/AD SEC.4 A Coruña: 00216/2013,
00251/2013 y 343/2013).
Pois ben, atopámonos perante unha disposición lexislativa
pola que as características concretas dos bens van poder ser establecidas polo ORGANO LIQUIDADOR E SEN A NECESIDADE DE
UNHA PERITAXE. Está ben clara a pretensión da Xunta, que é nin mais nin
menos que dotar de facultades por Lei a quen non a ten, - calquera
funcionario da Conselleria de Facenda ou Oficinas Liquidadoras, sen titulación
axeitada e sen coñecementos en materia valoradora -, os que poderán
ponderar as características propias dos bens a valorar aplicando os módulos
unitarios e coeficientes establecidos na Orde de Prezos. Un autentico
despropósito que se une ao que en por si xa é a Orde de Prezos, que por moito
que se diga dende a Xunta de Galicia e da Consellería de Facenda, e unha base
de datos xurdida dos despachos, creada única e exclusivamente con afáns
recaudatorios, sen base técnica algunha e sen os preceptivos estudos de mercado
que sen dúbida ían batela por terra.
Pódese logo dicir, que coma sempre, a administración
autonómica vai sempre polo camiño mais longo. Cando por activa e por pasiva a
administración de xustiza, a instancia dos suxeitos pasivos, está a dicir que a
Orde de Prezos non é admisible como medio de comprobación, tal e como se aplica
na actualidade pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), a Xunta empéñase,
unha e outra vez, e xa van varias, en intentar facela admisible “contra legem” meténdonola, dobrada e á
calada, formando parte das disposicións finais de unha Lei de Emprendemento que
non ten relación algunha coa Orde de Prezos Medios nin coa finalidade dista.
E, digo eu.....
¿Non sería mellor e mais axeitado refacer a Orde de
Prezos con un bo estudo de mercado dos prezos da terra?
Hai que facer constar, no que atinxe aos prezos da terra,
que a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia publica
anualmente estes prezos na súa WEB,
prezos obtidos de estudos de mercado, prezos que si amosan, en xeral, a
realidade do mercado e que nada teñen que ver cos publicados na Orde de Prezos
Medios da Consellería da Facenda, pertencente á mesma administración
autonómica.
Non cabe dúbida de que os técnicos do noso colectivo
asesoramos aos nosos clientes no senso de opoñerse a toda comprobación de prezos nas liquidacións de
impostos de sucesións, donacións e transmisións patrimoniais que veña baseada
en módulos que non sexan acordes ao mercado por excesivos, como ven sendo o
caso dende a publicación da Orde de Prezos Medios. Penso que non erro se digo
que no caso de que a tan traída e levada Orde fora coherente co mercado e
axeitada a realidade non habería tanta saturación nas Oficinas Liquidadoras,
nin na ATRIGA, nin no TEAR, nin no TSXG.
¿Será tan complexo?
Asdo.:
Enrique Fernández López
Enxeñeiro Técnico
Agrícola
Colexiado 604 COETA-AC
Completamente de acordo contigo, Kiko.
ResponderEliminarÉ abraiante o oscurantismo á hora de indicar quen establece os prezos medios ou en base a quen ou que actualízanos (non me consta que exista algún estudo de mercado no que se basease a Orde de Prezos Medios de Mercado, por moito que digan "eles" que si; e se existe -cousa que non se publicou en ningures, que eu saiba- a miña curta experiencia indícame que erraron nel, involuntariamente "quero pensar"... porque eses prezos que manexan eu nunca os vin diante nunha transacción dunha finca rústica "corrente e moente", e dis que son prezos medios de mercado... ou sexa que en teoría debe habelos moito mais altos. ¿Onde? ¿no "Tokio rural"? aló, non che digo que non).
E digo mais, ¿quen defende os meus dereitos coma técnico en exercicio? ¿quen defende os dereitos dos "meus compañeiros", si, a pesares de ser técnicos de Facenda? ¿houbo algunha manifestación en contra por parte dalgún técnico de Facenda? (¿Que pasa, que non lles chega con "comulgar coas rodas de muiño que lles fan tragar" á hora de supra-valora-los bens nas comprobacións de valores? ¿pensan deixar que lles mexen por riba tamén con isto? Alá vos, compañeiros, alá vos...).
Vexo que teñen a vía libre para reducir oferta de prazas públicas destinadas a ET Agrícolas, E Agrónomos, ET Forestais, E Montes, Arquitectos, etc... un administrativo valerá para todo... e iso toca o meu peto coma técnico no exercicio libre da profesión e trastoca as "miñas aspiracións" a unha praza na Facenda Pública. Como diría Miro Pereira: -¡ME CAJO NO MUNDO!
Non lle demos tanta volta e decreten xa por LEI que o imposto sexa en cada caso O QUE LLE DEA A GANA A FACENDA, e punto pelota: "¡Fuera piritos!, ¡fuera TEAR! ¡fuera xuices!".
Unha aperta moi forte, Kiko.
Afectuosamente: Jesús Candamio.